Archive for Febreiro, 2012

Entrevista a SÉS!!!


08 Feb

– A que anos comezaches a cantar? Acordaste de cal foi a primeira canción que cantaches?
Miña nai di que comecei a cantar e a falar a un tempo. A canción que cantaba sempre cando tiña dous anos era esa canción infantil en español que di:” Al subir por la escalera/ una pulga me picó…”. Aínda hai un casette por aí onde se me oe cantala.

– A que anos comezaches a compoñer? Cal foia primeira canción que compuxeches?

Pois sobre os 18 anos, a primeira canción que compuxen foi “Dúas lúas”, cando naciu miña irmá Uxía. Cántoa moito nos acústicos. Ela tería 2 anos e eu 18, por aquel entón.

– Cando empezaches a tocar a guitarra? E a incorporala aos teus concertos?

Ui…hai moi pouquiño, uns catro anos…Pero xa tiven o valor e a pouca vergoña de subirme a tocar aos escenarios de alí a pouco. Aínda non a toco hoxe, pero estamos intentando mellorar nese ámbito. A ver se algún día o consigo!!

– Porque utilizar o apodo de Sés en vez de María Xosé?

Sés é como me chaman na casa, son eu, mais tamén é un nome co que se pode identificar un conxunto. Pódelo tomar como o que é, un alcume, ou, se non o sabes, identificalo co nome da formación sen máis. Por iso se decantaron por aí as cousas, principalmente foi unha escolla de Touriñán.

– Recibíches moito apoio da túa familia cando decidiches comenzar como artista?

Si si. Elas saben que é a miña paixón, o que máis me gusta facer, pero sigo combinando a música coa miña faceta máis “académica”. Elas están moi orgullosas e nunca tiveron prexuízos co mundo “da farándula”. Confían en min, no meu criterio e na miña sensatez, non tiven ningún tipo de problema a ese respecto, máis ben todo o contrario. Teño a toda a familia (e somos moitos) peghada á pantalla cando saio na tele.

– Das cancións que compuxeches, cal é a tua favorita?

Ui…iso é como preguntarlle a unha nai cal é a favorita das fillas. A ver…vouche dicer máis de unha: Non son fada, Co xenio destrozado, Milonga d´aquí e Se te vas. Pero mira…até me dá pena escoller!!!

– Que che parece que admirando a condición apareza no galeoke?

É toda unha honra. Cando mo propuxo Aitana foi “Qué? Como? Claaaro que si!!!! si, si, si”. É unha honra estar ao lado de todos os artistas e formacións que aparecen. Dalgúns, como Marful ou Vaamonde, Lamas e Romero, son moi moi fan.

– Cales son as tuas motivacións a hora de seguir ca túa carreira musical?

Principalmente dúas: unha, que me apaixona e me dá vida; a segunda é ver algunha xente nova ou incluso nenos españolfalantes cantar os meus temas nos concertos e ver que se sinten orgullosos da súa lingua.

– Cal cres que a situación da musica na actualidade?

A situación da música actualmente á análoga ao do resto das artes. O planeta sufre un proceso avanzadísimo de devaluación cultural. O sistema neoliberal non valora nada máis que o que produza capital, o que encha os petos. Non se valora a riqueza emocional, o que alimenta a alma ou os sentidos, só o que aumenta o número de cifras na conta corrente. Pero, mal que lle pese a quen sexa, a música é unha manifestación cultural social que naciu dunha necesidade humana, da necesidade do ócio e a vida lúdica en comunidade E, na medida en que é algo antropolóxicamente necesario/primario, sobrevivirá dalgún xeito, e os músicos tamén.
Sempre vai haber música, as dificuldades que teñamos para xestionar a súa presenza mediática, a repercusión pública ou as axudas institucionais é outro tema, máis xa se buscará a maneira.

– Cres que é un atranco cantar en galego?

Pois mira, non che sei pero, realmente, impórtame unha merda. Creo que por un lado eu nunca poderei aspirar a saír de determinadas fronteiras, cousa que non me preocupa porque non está a ambición entre as miñas características. Mais tamén sei que en Galiza axúdame máis do que me atranca, eu viñen encher un oco que a xente botaba en falta. Fago xéneros en galego que non eran moi abundantes aquí e, ademais, son unha muller, cousa máis rara aínda.
Direiche que é un arma de dobre fío, pero que non matino niso o máis mínimo. Eu penso, sinto e canto no idioma que amo, que é o meu.

– Cales son os teus cantantes favoritos?

Ai mamá…se vos collo en persoa esgánovos…hehe…non, é unha broma. É que iso é moi difícil. Eu consumo música sen parar, de todo tipo, e adoro a tantas e tantos…Direivos algunhas que ocupan o Olimpo: Janis Joplin, Joaquín Sabina, Creedence Clearwater Revival, Ruth Brown, Lavern Baker, Ann Cole, Bob Dylan, Victor Jara, Mercedes Sosa, Bonnie &Delaney, Clapton, Odetta, Bessie Smith, Marful e Leo e Arremecághona.

– Con quen aprendiches a cantar?

Con todas esas que che mencionei, coa miña mestra de pandeireta (Paula Cordero) e con todas as vellas que escoitaba durante horas nas recollidas botando muiñeiras, maneos e pasodobres. Sobre todo, con estas últimas, coas marabillosas mulleres que conservaron a nosa tradición e o noso xeito, son as máis mellores!!

Moitas grazas polo teu tempo

Moitas a vós polo voso interese e moitos bicos.

O sabor da choiva..

Simplemente outro sitio blogaliza.org máis